Curtas galegas, homenaxe a Estévez Piña e unha estrea internacional

Esta xornada cinéfila arrancará coa proxección de catro bloques de curtas galegas, que serán presentadas por varios dos seus creadores. Santos Díaz, Pablo Martínez, Roi Carballido, Nani Matos, Héctor Domínguez-Viguera e Miguel Grandío, farán unha pequena introducción ás súas curtas e respostarán preguntas, dúbidas e suxerencias. Altamente recomendable e moi grande o talento dos novos realizadores galegos.

Ás 18 h. será a estrea internacional de Fósforo Frío, do portugués Ricardo Franco. Protagonizada polo recoñecido actor Virgílio Castelo e Manuel Jerónimo, o filme é unha poética historia de amor, desamor e morte.

O Auditorio acollerá ás 19:30 h. a retrospectiva do cineasta tudense Alberto Estévez Piña, que será presentada por Julio Pérez Perucha, presidente da Asociación Nacional de Historiadores do Cine. O acto de homenaxe incluirá a proxección de dous filmes necesarios para coñecer a nosa historia como son Romería da morte (1974) e Después del silencio (1978); e un coloquio posterior co mesmo Estévez Piña, acompañado de Pérez Perucha e Ángel Vázquez de la Cruz.

A programación do día rematará coa proxección de Retornos, ópera prima de Luis Avilés, ás 22 h. no Auditorio municipal. Trátase dunha combinación de drama e thriller moi ben ambientada na Galicia rural. Retornos está protagonizado por Xavier Estévez e Manuela Vellés, e conta con secundarios de luxo como Xosé Manuel Olvera ‘Pico’, Luis Zahera, María Bouzas ou Emilio Gutiérrez Caba.

Deixe unha resposta