Cine, nova sede e sesión vermú

  • O dúo musical 2uS (Dous) é o elixido para poñer música á especial ocasión
  • Sesión dobre no Instituto Camões, con África Abençoada e A Noite de San António
  • Estreamos tamén sesións matinais

Tras a intensa programación do sábado, a quinta edición do Festival Primavera do Cine presenta un domingo máis relaxado pero coa mesma paixón cinéfila. Ás 11 h. agardámosvos no MARCO preparados para proxectar tres bloques de curtametraxes lusófonas. É a primeira vez na historia do festival que programamos en sesión matinal. Esta arriscada idea responde aos desexos do director, Juan de Castro, de organizar paralelamente a estas proxeccións unha sesión vermú detrás do MARCO, na rúa Londres, dende ás 11.00 ata ás 15.00 horas. Deste xeito, os asistentes poderán combinar a variedade cinematográfica da sección oficial coas notas do grupo 2uS (Dous), un dúo composto por Fernando Abreu, clarinete, e Pablo Carrera, guitarra. Dous promete un concerto moderno, experimental e cheo de improvisación. Tendo en conta o bo tempo prognosticado para mañá, esta será unha cita única no festival.

Pola tarde, os espectadores terán dúas opcións: quedarse en Vigo para ir ao Instituto Camões ou achegarse á Sala Ingrávida de Porriño. Os que se decidan polo Camões, deleitaranse cunha sesión dobre ás 19.00 horas composta por Africa Abençoada, de Aminata Embaló, e de A Noite de San António, de João Gomes. O documental Africa Abençoada relata a incrible historia de Quintino Na Pana, un mozo guineano de 29 anos con cinco fillos que sofre sucesivos atrasos do seu soldo e que, aínda así, e por cuarto ano consecutivo, vai percorrer en bicicleta máis de mil quilómetros até Mauritania baixo o lema “África bendicida”. Este desafío de Quintino pretende promover a paz e dar visibilidade aos atletas africanos e ás dificultades que afrontan para acadar os seus soños. Pola súa parte, A Noite de San António móvese no terreo da ficción, pois retrata a desesperante espera de Ana por un home que idealizou, o que lle provoca un sentimento de illamento con respecto á euforia que lle rodea.

Os que teñan gañas de viaxe e se trasladen ata O Porriño deberán facer parada na Sala Ingrávida, na rúa Pérez Leirós. Alí, ás 20.00 horas, proxectarase o documental En Todas as Mans, de Diana Toucedo. Nesta obra de 100 minutos de duración, a directora realiza unha viaxe polas paisaxes montañosas de Galiza e Portugal, investigando as maneiras nas que estas paisaxes poden producir riqueza económica, ambiental e social para os seus pobos. Trátase dunha realidade tan próxima como descoñecida por todos nós, unha realidade que debemos afrontar no presente, pero tamén no futuro. Con esta proxección, A Sala Ingrávida estréase coma sede por primeira vez na historia do festival, aínda que tan só por un día.

Autor do texto: Jorge Liboreiro

Deixe unha resposta