Tarde de Swing

SÁBADO 6, 20:00H · TRAS DO MARCO

Jorge e Elena, profesores e fundadores da Swing On School de Vigo, imparten unha clase aberta de lindy hop dunha hora de duración. O lindy hop é un baile nacido nos Estados Unidos durante a era do swing, derivado doutros estilos como o charleston, no tempo en que as “big bands” tocaban a ritmo de swing para multitudes que bailaban enérxicamente nos clubes nocturnos dos felices anos vinte.

Un dos seus míticos fundadores, Frankie Manning, dedicouse a partir dos anos oitenta a rescatalo e difundilo por todo o mundo, conseguindo que na actualidade milleiros de persoas practiquen  este baile con verdadeira devoción nas dúas beiras do Atlántico.

Swing On School leva anos traballando en Vigo para ofrecer clases e concertos de lindy hop dende un espazo recuperado para a cidade: O Almacén Cultural.

Despois da clase, o evento complétase cun concerto da banda The Salty Dog Jazz Band, que foi a seleccionada para tocar no Enxebre Swing Festival 2016, e na homenaxe que Swing On School fixo a Frankie Manning polo 101 aniversario do seu nacemento en maio de 2015.

Trátase dunha ocasión única para desfrutar dunha banda que ofrece unha música moi bailable e de gran calidade. The Salty Dog Jazz Band está composta por Javier Pereiro “Gdjazz” (trompeta), Wilfried Wilde (banjo, guitarra), Alexandre Touceda (contrabaixo) e Max Gómez (batería), todos eles músicos moi recoñecidos na escena do swing e o jazz galego, que non van deixar indeferente a ninguén.