Presentación: ‘Novo cinema galego: identidad y vanguardia’

SÁBADO 13, 12:30H · AUDITORIO DO MARCO

Víctor Paz Morandeira é xornalista cinematográfico e programador. Fundador e coeditor de acuartaparede.com, colaborou tamén en Blogs&Docs, El Amante, Radio Nacional de España (no programa El séptimo vicio de Radio 3), Cortosfera, Transit, V.O.S. ou MUBI Notebook. Desempeñou tamén labores de comunicación e programación en diversos festivais, destacando no eido galego o Play-Doc, Curtocircuíto e (S8) Mostra de Cinema Periférico.

No seu ensaio Novo Cinema Galego: Identidad y Vanguardia, editado no ano 2016 como nº 9 de Los Cuadernos de Cinema 23, proponse analizar a aparición e desenvolvemento do denominado “novo cinema galego” explicando a súa importancia como fenómeno cinematográfico e postulando un concepto de grupo ou xeración en base á súa relación co cine de vangarda e ás constantes temáticas que gravitan sobre o concepto de identidade.

Víctor Paz explica como apareceu o termo no mundo da crítica, os primeiros filmes que o lanzan internacionalmente, os cineastas máis representativos, os rasgos máis característicos das súas filmografías e os estilemas ou motivos que as relacionan.

Finalmente, analiza o contexto no que apareceron estes cineastas e os fenomenos que axudaron a consolidar o movemento, resaltando o papel que xogaron escolas, cineclubes, festivais e disposicións administrativas.

Víctor Paz estará compañado nesta presentación polo cineasta Ángel Santos, un dos nomes representativos do novo cinema galego. Durante o acto proxectaranse pezas da súa filmografía e tamén dos últimos traballos en proceso doutro dos cineastas referentes deste fenómeno: Lois Patiño.

Texto: Alfonso Castaño