Centenario María Casares
A galega que chegou ao cumio da escena francesa
María Victoria Casares Pérez naceu na Coruña o 21 de novembro de 1922. Os seus pais foron Gloria Pérez e Santiago Casares Quiroga, ministro de Guerra e presidente do Goberno entre maio e xullo de 1936. A súa infancia transcorreu apaciblemente entre A Coruña e Montrove. Da placidez destes primeiros anos dá fe a reflexión que fixo no programa “A fondo” sobre a súa adaptación ao país veciño: “o tempo que aprendera en Galicia era o tempo das mareas, das lúas, o tempo do século XIX. En Francia atopeime co tempo de loitar contra o reloxo”*. En 1931 o seu pai foi nomeado Ministro de Mariña e a familia trasladouse a Madrid. Esa experiencia supuxo para María un primeiro exilio, o cambio á gran cidade. Aos catorce anos tivo que abandonar España coa súa nai para fuxir dos desastres da guerra. Con todo, ese novo exilio resultou menos traumático para ela, enfrontándose ás novas situacións como se dunha aventura se tratase.
Malia a timidez que a caracterizaba (ou precisamente por iso), María Casares estudou teatro e realizou o seu primeiro gran papel aos 19 anos nunha representación de La Celestina. A partir de entón transformaríase en Lady Macbeth (rol que repetiría diante das cámaras), Fedra, Medea, Nai Coraxe e outras icónicas mulleres da historia da literatura; e interpretaría obras dramáticas de Sartre, Pirandello, Jean Genet, Calderón, Víctor Hugo, Brecht, Valle Inclán ou Rafael Alberti. Así foi como se converteu nun mito da escena francesa. Segundo Sabela Hermida, “alí era toda unha diva, ao nivel dunha Sarah Bernhardt“*. O seu talento tamén traspasou o Atlántico e chegou a Sudamérica. Con todo, en España e Galicia, a nada. A María Casares arrebatóunola o exilio, pero tamén ese tan arraigado costume de silenciar ás mulleres que salientan en calquera eido. A día de hoxe aínda queda moito traballo por facer para poñer no lugar que lle corresponde a nosa actriz máis internacional, a muller que interpretou ás grandes heroínas dos mellores dramaturgos, e que traballou cos cineastas máis respectados da época.
Por fortuna para quen non puidemos presenciar as súas obras, non só de teatro viviu María Casares. Foron 35 os traballos audiovisuais nos que participou, incluíndo longametraxes, curtas e producións televisivas.
A longa elixida para commemorar o centenario de María Casares é “Orfeo”, de Jean Cocteau, que poderá verse o sábado 17 ás 20 h. no Auditorio do Concello de Vigo e será precedida por unha breve presentación a cargo da historiadora do cinema Ana Gontad.
* “A Fondo”, entrevista a María Casares (1981) Entrevista realizada por Joaquín Soler Serrano
Evento
Centenario María Casares
Sábado 17 de setembro ás 19:30 h. no Auditorio do Concello de Vigo (Praza do Rei, 1, 36202 Vigo)
Presentación a cargo da historiadora do cinema Ana Gontad.