Cinema, flores e revolución no novo cartel do Primavera do Cine en Vigo

O cartel, realizado pola deseñadora María Llauger, busca representar a idea do cine coma unha arma de liberdade de expresión ao mesmo tempo que reflexa esas cores tan propias da primavera e fai un chisco ao país veciño coa súa Revolución dos Caraveis

Ademais, na rolda tamén se deu a coñecer a colaboración a que chegaron o Conservatorio Superior de Música de Vigo e o Primavera do Cine para apoiar o Festival nas Ondas

O Primavera do Cine en Vigo deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o cartel da súa oitava edición, unha obra realizada pola deseñadora María Llauger e que representa todo unha nova onda estilística respecto ás edicións anteriores, pero sen esquecer os valores do certame. 

O cartel ten varios significados: por un lado, as cores vivas e as flores simbolizan a primavera, mentres que a cámara garda relación co mundo cinematográfico. Doutra banda, Llauger vai máis aló e fai un chisco a Portugal e á súa Revolución do Caraveis, buscando asemade poñer énfase no cinema coma unha arma de liberdade de expresión.

En palabras da propia deseñadora “a imaxe busca representar esa idea do cine coma unha arma de liberdade de expresión e a oportunidade que brinda o Primavera do Cine de dar a coñecer os traballos audiovisuais que non teñen cabida noutros canles de distribución máis comerciais”.

AS VINDEIRAS ACTIVIDADES PARALELAS: CINE MIÚDO E O FESTIVAL NAS ONDAS

Actualmente, o Primavera do Cine en Vigo ten abertas ata o 5 de abril as inscricións para que os colexios de infantil e primaria poidan apuntarse ao ciclo de Cine Miúdo. Esta actividade terá lugar o 25 e 26 de abril no teatro AFundación e será conducida por Caspervek, quen musicalizará en directo grandes obras do cine mudo para que os rapaces poidan aprender a estreita relación que existe entre o cine e a música. Deste xeito, Juan de Castro, o director do certame, invita a participar dela a todos os colexios porque “é unha das actividades máis interesantes e bonitas do festival”.

Doutra banda, na propia rolda de prensa tamén se deu a coñecer a colaboración que existe entre o Primavera do Cine e o Conservatorio Superior de Música de Vigo para promocionar o Festival Nas Ondas e, en concreto, un dos seus actos máis espectaculares: La Pasión de Juana de Arco que terá lugar o 2 de maio e onde se poderá gozar dun dos grande filmes de Carl Theodor Dreyer que será simultaneo á interpretación dun réquiem en directo. Así, a banda sonora será ‘Missa Ioanna Arcensis’, composta por Brais González (un dos integrantes de Caspervek) e quen tamén será o encargado de dirixila. Ademais, a interpretación correrá a cargo dun ensemble de 12 músicos formado por profesores, alumnos e exalumnos do CMS de Vigo e contará coa colaboración do Coro de Cámara Rías Baixas, dirixido por Bruno Díaz.