O VII Festival Primavera do Cine en Vigo proxectará unha trintena de curtametraxes, entre as que se atopan La mujer invisible, de Noemí Chantada e Aysha, de Fon Cortizo

  • O Primavera do Cine en Vigo conta cunha coidada selección de curtametraxes que se poderán ver entre o 8 e o 13 de maio no MARCO e no Instituto Camões
  • Na sétima edición do certame proxectaranse as obras dos vigueses Álvaro Gago, Fon Cortizo e Noemí Chantada e do recoñecido animador Khris Cembe

Un total de 33 obras conforman a sección oficial de curtametraxes (composta por filmes galegos, lusófonos e de animación) da sétima edición do festival Primavera do Cine en Vigo, que se celebrará do 8 ao 13 de maio.

O certame mostrará algunhas das últimas creacións de directores tan destacados como Álvaro Gago, que competirá con Matria (cinta coa que recentemente o director conseguía o gran premio do xurado en Sundance) e Noemí Chantada, que presentará La mujer invisible, un dos filmes que puxeron o broche de ouro na edición de Curtocircuíto 2017 e que retrata a prostitución en Vigo.

SECCIÓN OFICIAL DE CURTAMETRAXES

A sección oficial de curtametraxes galegas e lusófonas está composta por un total de 33 cintas das que 9 son lusófonas, 12 teñen selo galego e 11 son de animación.

Dentro do bloque de obras galegas cabe destacar La mujer invisible, un filme que aborda a prostitución en Vigo, da redondelana Noemí Chantada e Aysha, de Fon Cortizo, quen retrata na súa curtametraxe a unha poetisa xordana.

Tanto Aysha como La mujer invisible foron as grandes triunfadoras do festival Curtocircuíto 2017. A obra de Noemí Chantada obtivo tres distincións (o premio do público, o premio CREA á mellor dirección galega e unha mención especial do xurado de guionistas AGAG) e Fon Cortizo alzouse con dous galardóns: o premio AGAG ó mellor guion e o premio Galiza á mellor curta galega.

Pola súa banda, tamén se proxectará The App, de Julián Merino, unha obra que aborda as implicacións que poden chegar a ter as novas tecnoloxías e La Madrina, unha comedia de Pedro Sancho cuxos dereitos xa foron comprados pola plataforma de vídeos en streaming HBO para a súa emisión nos EE. UU.

The App arrasou no festival nacional de curtametraxes Talavera de la Reina 2017 facéndose con diferentes galardóns entre os que se atopan o premio á mellor curta nacional e ó mellor guion, mentres que La madrina é unha curtametraxe que vén de exhibirse con gran éxito na XIV edición Festival de Cans. Un traballo co que Arantxa Arranguen conseguiu o premio do xurado á mellor interpretación feminina.

Exhalación, de Al Díaz, unha obra experimental no que saen actrices da talla de Ángela Molina e María Hervás é outra das cintas que competirán no Primavera do Cine.

En canto ós filmes lusófonos, o festival Primavera do Cine proxectará grandes obras tanto de autores portugueses como brasileiros que contan xa cunha boa colleita de galardóns en diferentes festivais grazas á gran calidade dos seus proxectos.

Entre os seleccionados atópanse obras como O forasteiro, de Diogo Cronemberger e Vidas cinzas, de Leonardo Martinelli, que foi premiado como mellor filme, mellor fotografía e mellor dirección no festival de Bento Gonçalves.

Deusa, de Bruna Callegari, tamén se poderá ver no certame, un filme que ostenta diversas distincións entre as que destacan o premio á mellor produción no 13º CineFest Gato Preto (un festival de curtametraxes de São Paulo).

Outra das proxeccións que destacan dentro da sección de curtas lusófonas é O vestido de Myriam, de Lucas H. Rossi, cinta que obtivo o premio á mellor dirección no 27º Festival Internacional de Curtas do Río de Janeiro e a distinción ó mellor filme na décima edición de Los Ángeles Brazilian Film Festival (un festival de cine brasileiro feito en Hollywood).

A ANIMACIÓN

O festival Primavera do Cine en Vigo segue apostando neste vindeiro certame pola animación, un cinema no que tanto Galicia como Portugal son grandes pioneiras.

Por iso nesta nova edición poderanse ver un total de 11 curtametraxes animadas como É preciso que eu diminua, un videoclip realizado polo recoñecido Pedro Serrazina; Surpresa, de Paulo Patrício, que aborda o cancro infantil a través dunha sincera conversación entre nai e filla; The neverending wall, de Silvia Carpizo e que conta cun nomeamento ós Goya de 2018; Áuga mole, de Laura Gonçalves, que reflicte o problema da desertificación no interior de Portugal e a comedia negra Viaje a pies, de Khris Cembe.

En definitiva, a sétima edición do Primavera do Cine en Vigo mostrará creacións dunha gran calidade artística e visibilizarán o traballo tanto de profesionais galegos como de portugueses e brasileiros. A obras poderanse ver no MARCO e no Instituto Camões e, do mesmo xeito que en edicións anteriores, terán prezos populares.


SECCIÓN OFICIAL DE CURTAMETRAXES: LISTA COMPLETA DE OBRAS GALEGAS

 

 The App, Julián Merino

Huellas, Rubén de Marina

Pequeña silenciosa, Carlos Alonso Ojea

Aysha, Fon Cortizo

Néboa, Claudia Costafreda

Pingas, Déborah Vukusic

Europa, Hugo Amoedo

La madrina, Pedro Sancho

Exhalación, Al Díaz

La mujer invisible, Noemí Chantada

Escarabana, Sara Casasnovas

Matria, Álvaro Gago

 

SECCIÓN OFICIAL DE CURTAMETRAXES: LISTA COMPLETA DE OBRAS LUSÓFONAS 

 

O forasteiro, Diogo Cronemberger

Flores, Vado Vergara e Henrique Bruch

Vidas cinzas, Leonardo Martinelli

Em algún lugar, amanhã, André Siqueira

Deusa, Bruna Callegari

O menino e o louco, Julia Ferreira

Katharsis, Mirela Kruel

A gente nasce só de mãe, Caru Roelis

O vestido de Myriam, Lucas H. Rossi

Mãe querida, João Silva Santos

 

SECCIÓN OFICIAL DE CURTAMETRAXES: LISTA COMPLETA DE OBRAS DE ANIMACIÓN 

 

Peixes, Juan Carlos Pena

Tocadora, Joana Imaginário

É preciso que eu diminua, Pedro Serrazina

Surpresa, Paulo Patrício

The voyager, João Gonzalez

The neverending wall, Silvia Carpizo

Estilhacos, José Miguel Ribeiro

Historia cerebro, Borja Santomé

Áuga mole, Laura Gonçalves

Solito, Gabriel Mayer

Viaje a pies, Khris Cembe