O Festival Primavera do Cine pecha a súa VI edición no auditorio do Concello

  • Durante a gala terá lugar a entrega de premios aos gañadores das distintas categorías
  • Por primeira vez, un xurado oficial de carácter internacional outorgará os premios nas categorías a mellor longametraxe galega e lusófona

O Festival Primavera do Cine en Vigo bota o peche hoxe coa Gala de Clausura que terá lugar ás 20:00h no Auditorio Municipal do Concello. Durante o acto serán entregados os premios nas distintas categorías en base ás votacións emitidas polo público e polo xurado oficial do festival.

Daranse a coñecer os gañadores dos premios do público dentro das categorías de:
•    Longametraxe, curtametraxe e videoclip galegos
•    Longametraxe e curtametraxe da lusofonía
•    Curtametraxe de animación (galega e lusófona)

Doutra banda, a principal novidade consistirá na presenza dun xurado de carácter internacional que concederá dous premios:
•    Premio do xurado á mellor longametraxe galega
•    Premio do xurado á mellor longametraxe lusófona

Dito xurado estará composto polo director de cine Mario Iglesias, gañador coa súa longametraxe Relatos do premio ao mellor filme na primeira edición do Festival Primavera do Cine en Vigo; Mariana Carballal, actriz e directora galega que destaca en numerosos proxectos teatrais, cinematográficos e televisivos así como pola súa labor como docente; Víctor Paz, crítico cinematográfico, programador e divulgador en numerosos festivais galegos e internacionais e Zézé Gamboa, cineasta, referente actual do cine de autor e da nova xeración de cineastas angolanos. Co seu filme O Heroi conseguiu o premio á mellor longametraxe lusófona na pasada edición do Festival Primavera do Cine.

A gala estará conducida musicalmente por Caspervek Trío, agrupación que vén colaborando co festival dende os seus comezos, ofrecendo as súas composicións orixinais para musicalizar filmes clásicos e de vangarda.

As películas gañadoras poderán desfrutarse de novo o vindeiro domingo a partir das 18.30 no mesmo auditorio. Doutra banda, ás 11.30 da mañá, tamén no Concello, terá lugar a Master Class do gañador de dous premios Goya, Alberto Vázquez

Deixe unha resposta