Conversa con Sabela Pernas, directora de ‘Ocultas na paisaxe’

Fálanos da túa carreira. É Ocultas na paisaxe a túa primeira curta?

Non, é a última 😉

Levo anos facendo curtametraxes. Comecei a dirixir cando era estudante de Comunicación Audiovisual e dende aquela non parei de comunicarme e expresarme con este formato. É certo que os temas e a forma do meu traballo foise modificando cos anos, e pasei de realizar curtametraxes máis documentais, a interesarme expresarme con outros xéneros, especialmente despois de estudar en Londres.

Cómo naceu a idea?

Fun convidada a participar no ChanfainaLab de San Sadurniño nesta última edición. A premisa era realizar unha curta no concello durante unha fin de semana. @s organizador@s facilitáronnos moito material para irnos documentando antes de ir e axudarnos a buscar a idea. Eu comecei polo principio, que é a chanfaina? Ao descubrir que era un prato típico da vila, feito con vísceras, comezou a resultarme interesante a idea dos ingredientes. Órganos internos, que realizan funcións concretas indispensables para o noso organismo funcione, pero que sempre están ocultas. Unín este concepto coa información acadada en Fálame de San Sadurniño, un proxecto colaborativo marabilloso onde se recollen historias dos veciños e veciñas. Alí interesoume moito as historias de mulleres, que ao igual que as vísceras, realizan funcións ocultas, imprescindibles e vitais para que unha casa, familia ou pobo funcione, pero que a maioría das veces pasan desapercibidas. Ademais proveño dunha familia onde este tipo de mulleres está moi presente, polo que este tema tamén me tocaba dende o persoal. Así que decidinme a unir os dous conceptos e facerlles unha pequena homenaxe.

En que estás a traballar agora? Cales son os teus proxectos?

Pois estou preparando un nova curtametraxe, que está sendo un proceso lento e complexo, debido a algunha crise creativa co tema escollido, así que estase a cocer a lume lento.

Por outra banda, traballo cunha psicóloga nun proxecto propio chamado VideodinamizArte, onde unimos as dúas disciplinas para realizar obradoiros de videoterapia con diferentes colectivos e en diferentes lugares. Interésame moito investigar as posibilidades do audiovisual como ferramenta de exploración persoal e autocoñecemento.

Como ves Galicia en canto a formación e traballo no sector audiovisual?

Eu traballo como docente, así que teño a oportunidade de achegarlle a profesión ás novas xeracións. Hai moito interese polo audiovisual na xente nova. O sector non está pasando o seu mellor momento en canto aos xeitos de “produción tradicional” debido a unha crise económica que cambiou todo. Pero si é certo que a nivel de creación e realización de novos formatos está en auxe. A revolución dixital que nos tocou vivir á nosa xeración está orixinando xeitos novos de pensar e materializar as ideas, e penso que aquí hai moitos e bos centros onde formarse, así que estase a ver e verase o resultado de todo iso.

A túa curta distínguese pola plasticidade da imaxe, unha plasticidade non exenta de poesía. É a liña que che gustaría seguir?

Foi a liña estética que pedía a historia e o tema. Tiven a sorte de contar coa axuda dunha artista visual, Raquel Enríquez, que me axudou na postprodución do filme e así puiden experimentar con novas formas visuais. Para os traballos que veñan, penso que a forma sempre debe estar ao servizo do fondo, do contido, así que xa se verá como se plasmará.

Deixe unha resposta