Gala de Clausura

SÁBADO 13, 20:00H · AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO

A gala consistirá nun espectáculo onde terán cabida o cine, a música e o humor para acompañar unha emotiva entrega de premios. Coñeceremos aos gañadores dos premios do público:

  • Longametraxe, curtametraxe e videoclip galegos
  • Longametraxe e curtametraxe da lusofonía
  • Curtametraxe de animación (galega e lusófona)

Este ano é a primeira vez que entregamos o premio á mellor curtamextraxe de animación, un xénero cinematográfico que está a dar numerosos froitos e que este festival pretende potenciar.

A principal novidade consistirá na presenza dun xurado de carácter nacional e internacional que concederá dous premios:

  • Premio do xurado á mellor longametraxe galega
  • Premio do xurado á mellor longametraxe lusófona

A gala estará conducida musicalmente por Caspervek Trío, agrupación que vén colaborando co festival dende os seus comezos, ofrecendo as súas composicións orixinais para musicalizar filmes clásicos e de vangarda. Ademais das codas musicais para ambientar a gala, desfrutaremos de varias versións evocando a música galega dos anos oitenta: temas míticos da denominada “movida”.

O “toque cinematográfico” virá coa súa interpretación da Lichtspiel op. 4, obra do cineasta alemán Walter Ruttmann, animación experimental dos anos vinte, que forma parte do proxecto de Caspervek denominado Obras de luz: as orixes do cinema abstracto.

Unha ocasión única para presenciar cine de vangarda, musicalizado en directo, e concebido para abraiar a todos os públicos.

O xurado

Mario Iglesias

Cineasta referente do cine dixital e independente, gañador coa súa longametraxe Relatos do premio ao mellor filme na primeira edición do Festival Primavera do Cine en Vigo.

Mariana Carballal

Actriz e directora, destacando en numerosos proxectos teatrais, cinematográficos e televisivos, sendo tamén relevante o seu traballo como docente de arte dramático.

Víctor Paz

Crítico cinematográfico, programador e divulgador en numerosos festivais galegos e internacionais. Vén de editar un significativo ensaio titulado Novo Cinema Galego: Identidad y Vanguardia.

Zézé Gamboa

Cineasta, referente actual do cine de autor e da nova xeración de cineastas angolanos. Co seu filme O Heroi conseguiu o premio á mellor longametraxe lusófona na pasada edición do Festival Primavera do Cine.