O Primavera do Cine proxecta ‘Pelerinaxes’, cinta de Simone Saibene nominada aos premios Mestre Mateo

  • A longametraxe estará presentada polo director e a actriz principal, Carmen Méndez
  • A velada rematará co pase de ‘Rendevouz’, a primeira longametraxe de Guillermo Julián y Román Santiago

O Festival Primavera do Cine de Vigo proxecta esta tarde Pelerinaxes, cinta do premiado director italiano Simone Saibene. Esta película optou ao galardón á mellor peza documental nos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. O pase será ás 20:00h no Auditorio do Concello e rematará cun coloquio do director e a actriz principal Carmen Méndez.

A cinta conta a historia de Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual, que percorre as oito etapas da ‘pelerinaxe’ que fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey a pé dende Ourense cara a San Andrés de Teixido no 1927. Luzía fai esta viaxe coa intención de rematar un proxecto audiovisual empezado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo, xunto a outro compañeiro morto hai anos nun accidente.

A partir das 22:00h os asistentes poderán desfrutar da película Rendevouz. É a primeira longametraxe dirixida por Guillermo Julián e Román Santiago. Trátase dunha cinta de ciencia ficción de baixo presuposto pero cun gran coidado dos aspectos técnicos. A historia conta como nun retrofuturo desolador, a todopoderosa Tiger Corp desenvolve un ambicioso proxecto para mellorar o mundo, pero algo sae mal.

Doutra banda, nos Multicines Norte, a partir das 20:30h será a presentación do tráiler de Vigo 1972. Con guión e dirección de Roi Cagiao e producida por Arthur Gordon, esta longametraxe documental rememora a histórica folga xeral dese ano a través das testemuñas dos seus protagonistas, materiais de arquivo e dramatizacións dos feitos. A presentación do tráiler dentro do festival Primavera do Cine dá o pistoletazo de saída á campaña de promoción do filme, que se estreará en salas de cine en setembro deste ano.

Ademáis do tráiler haberá una proxección sorpresa que se encadra dentro do marco do Festival. A cinta a proxectar recibiu o premio especial do xurado no Festival Internacional de cine de Venecia, xunto con outros moitos galardóns.

A programación do día completarase con varios bloques de curtas, tres deles presentados polos seus directores: Eva Alonso (A viaxe), Matilde Calado (Registo de nascimento) e Borja Santomé (Rueda Cabeza).

Deixe unha resposta