Mención honorífica:
Cine Imperial

Cine Imperial
A perla da Ramallosa

O Festival Primavera do Cine quere rendir homenaxe a un dos sectores máis azoutados pola crise que estamos a padecer: a exhibición cinematográfica. Por iso, a mención honorífica deste ano recae nunha sala emblemática, referente inexcusable da profesión e símbolo dunha época onde os cines eran verdadeiros templos: o Cine Imperial da Ramallosa.

 

O 1 de febreiro de 1948 o Imperial abre as súas portas da man de Latino Salgueiro Espinosa, un xoven enxeñeiro namorado do cinema. Dende ese momento e ata os nosos días, milleiros de títulos pasaron pola súa pantalla e varias xeracións de espectadores polas súas butacas.

 

O Imperial viviu os tempos de bonanza onde as salas se multiplicaban, ofrecendo programas dobres, porque o cine era a principal actividade de ocio preferida polo pobo. A partir dos anos oitenta, a meirande parte das salas foron pechando paulatinamente, sendo derrubadas ou reconvertidas para outras actividades económicas. Mentres isto acontecía, o Imperial seguiu en pé como último supervivinte.

 

O Imperial sobreviviu á aparición dos multicines e ao mercado de alquiler de VHS. Continuou adiante, asistindo ao traslado da actividade ás grandes áreas comerciais, á aparición da tecnoloxía dixital e aos novos formatos de consumo televisado. Latino Salgueiro continuou adiante, como un exemplo de amor pola súa profesión. Amor que trasladou ás súas fillas, que actualmente manteñen o Imperial ofrecendo (ademais e por se fora pouco) unha programación de altísima calidade, con títulos de referencia pertencentes a cinematografías de todas as latitudes.

 

Os que coñecen o Imperial, os que gozaron dun filme na súa sala, falan del coma dunha entidade mítica, un misterio do tempo. O Cine Imperial, coa súa constante actividade, conseguiu converterse, por dereito propio, nunha auténtica institución, unha perla situada no corazón do Val Miñor.

 

Gala de Clausura

Mención Honorífica


De balde