O Festival Primavera do Cine en Vigo presenta a súa VIII edición e abre o prazo para a inscrición de obras audiovisuais

O festival Primavera do Cine, que celebrará a VIII edición do 30 de abril ao 5 de maio, abre o prazo da recepción de traballos a concurso

O evento continuará fiel os seus obxectivos principais: dar visibilidade ás obras galegas e lusófonas e buscará tamén converterse na porta de entrada da lusofonía en Europa

Reencanto Produccións, asociación organizadora do Festival Primavera do Cine, presentou hoxe no Instituto Camões as bases para concorrer ao certame que terá lugar entre o 30 de abril e o 5 de maio. Tódolos cineastas ou produtoras que queiran enviar os seus traballos poderán facelo inscribíndose na web do festival dende o 18 de xaneiro ata o 25 de febreiro.

Ao igual que en edicións pasadas, os proxectos deberán ser de produción galega ou lusófona e poderanse entregar tanto curtametraxes coma longametraxes e videoclips.

Juan de Castro, o director do certame, aproveitou a ocasión para facer un breve balance da anterior edición: “houbo un incremento moi considerable de asistencia de público e tivemos moi boas palabras de cineastas, convidados e colaboradores do festival”.

Por iso, o Primavera do Cine, que se celebrará entre o 30 de abril e o 5 de maio, repetirá actividades coma Cine nos Barrios, un acto que o ano pasado trouxo a Coia e Teis o documental de Vigo 1972, dirixido por Roi Cagiao, e o que acudiron máis de 400 persoas. Este ano aproveitarase a ocasión para celebrar o Día do Traballo.

Tamén se fará unha nova edición de Cine Miúdo, un evento para nenos e nenas de infantil e primaria polo que pasaron xa máis de 3000 cativos en tódalas súas edicións, e tamén unha masterclass que será, en palabras do director do festival “moi sorprendente”

Doutra banda e repetindo a boa experiencia do festival de 2018, o Primavera do Cine será a sede dun novo Encontro Arraianos, un acto no que estarán representantes de festivais, universidades e cineclubes e que ten por obxectivo promover a creación de redes de colaboración e intercambio.

LUSOFONÍA

A directora do Instituto Camões, Carla Amado, aproveitou o acto para destacar que o festival xa forma parte da súa familia pola súa gran labor á hora de difundir a cultura lusófona na cidade e en toda Galicia. Tamén puxo o acento en que está edición culminará o 5 de maio, Día da Fala Portuguesa, e non hai mellor escusa para facer disto unha festa e unha celebración para o día da clausura.

O FESTIVAL

O Primavera do Cine, o único festival de Galicia que proxecta en exclusiva obras audiovisuais galegas e lusófonas, seguirá apostando pola visibilización deste tipo de traballos polo que na súa oitava edición manterá as dúas seccións orixinais (galega e lusófona) coas tres categorías xa tradicionais: curtametraxes, longametraxes e videoclips, mais un apartado especial adicado a animación.

Os premios á mellor longa lusa e á mellor obra galega serán outorgados por un xurado profesional, composto por persoas destacadas do mundo audiovisual e, por suposto, tamén haberá un xurado popular, que, será o encargado de elixir ás mellores curtas e longas galegas e lusófonas e o mellor videoclip cos seus votos.  

Finalmente, as proxeccións das longametraxes terán lugar no Auditorio do Concello de Vigo, mentres que no Instituto Camões poderanse ver os filmes lusófonos e no Marco, as curtametraxes galegas e lusófonas.